“Xabicas, fotógrafo militante”. Con estas verbas define Bocixa, cantante da banda galega Zenzar, o compromiso e vocación polas que se rexe a vida deste gran fotógrafo, nado a cabalo da escola do rebulir cultural e a loita.

A experiencia, perfeccionada con numerosos cursos de fotografía, forman a bagaxe deste fotoxornalista, especializado en temática social e que complementa a súa labor con importantes traballos na arte do teatro ou mesmo da música.

No ano 1995 comezou a súa andaina no panorama musical, do que ten un importante arquivo fotográfico. Consolidado dende ese ano coma fotógrafo oficial da sala Aturuxo, en Bueu, a súa cámara logrou inmortalizar todas as bandas que pasaron polo local dende entón, entre as que se atopan Zenzar, Narf, Vetusta Morla e Bersuit, ou mesmo personaxes celebres do teatro coma Roberto Vidal Bolaño ou Luis Tosar.

De xeito paralelo a esta actividade crece tamén a súa inquedanza cultural, que o leva a contactar con distintos colectivos e a involucrarse na organización de moitos dos festivais que se argallan na comarca morracense: O Rebolo Rock, A Noite do Trasno… O seu compromiso con estes eventos foi tal que, ademais de pertencer coma membro implicado na organización, tamén os deixa inmortalizados nunha gran colección fotográfica. Grazas a esta labor inicial, o seu traballo foi solicitado por festivais de maior consolidación, tales coma o Festichán, Troula na Banda, Furtivo Rock ou SonRías Baixas.

Por outra banda, o seu inicio no teatro tivo lugar entre os anos 2008 e 2010, nos que traballo coma fotógrafo para as promos das obras “Coa Palabra na Lingua” (VVAA) e “Coros para despois dos asasinatos” (Edward Bond), ambas as dúas adaptadas pola compañía Nu Teatro. Nesta última peza participou tamén na realización artística e posta en escena, cunha serie de imaxes da súa autoría. Máis recentemente, no ano 2012, traballou tamén coa obra “Paseando os nosos dramaturgos”, da compañía teatro Esmorga.

Na actualidade, Xabicas continúa coa súa labor na sala Aturuxo e pertence tamén á web GZMusica. Nesta, desenvolve a súa labor coma fotógrafo e é o co-responsable de iluminación do programa televisivo “GZMusicaTV”, producido pola propia web e no que se debulla gran parte do rebulir do panorama musical galego. As súas imaxes aparecen en distintas publicacións tanto en prensa escrita coma en soporte web, destacando medios coma El País (na súa edición dixital), Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Praza Pública ou Sermos, e mesmo ten realizado a portada do álbum debut da banda Fainoti.

Destaca tamén a realización de tres exposicións de seu: “Unha noite co trasno no Cabo Udra”, que consta dunha serie de imaxes que ilustran o festival A Noite do Trasno; “Fasquías”, mostra que se compón dunha colección de retratos inspirados na dor, na alegría, no xogo, ou na burla; e “Fala de seu”, cunha selección das mellores obras do fotógrafo, que amosan á súa vez a súa evolución técnica e profesional ao longo dos anos. A estas exposición débese sumar a mostra “EnConserva”, unha colección de distintos autores pertencentes a diversas disciplinas artísticas que xira en torno á conserveira Massó de Cangas.

O seu traballo veuse compensado e recoñecido grazas ao galardón que recibiu o autor tras gañar a segunda edición do concurso de fotografía sobre denuncia ecolóxica, certame organizado polo Bar Ambigú, situado en Cangas do Morrazo.

Eva Rivas -Xornalista